Que nos fai pensar que Venus perdeu seus océanos fantásticos

Figura 2

Seguro que estás dicindo: pero, que ten que ver esta leria de química con eses fantásticos océanos desaparecidos? Non sexas impaciente, que xa están aquí os océanos. A auga con moito deuterio chámase auga pesada e fabrícase (para facer máis seguras as centrais nucleares) facendo evaporar grandes cantidades de auga: como o deuterio pesa máis que o hidróxeno, cústalle máis evaporarse, polo que se concentra no residuo. Cacháchelo…? Unha auga rica en deuterio podería ser o residuo dun océano que se evaporou.

Como que podería? Seica na Ciencia nunca hai nada seguro? Hai tal, pero, igual ca na vida, hai cousas seguras e outras só probables. Nos casos máis complicados, as nosas máquinas do tempo aínda son imperfectas e non nos permiten reconstruír con seguridade o que aconteceu. Todos os científicos están de acordo en que no principio do Sistema Solar o Sol quentaba moito menos ca agora e Venus era un planeta no que podía haber océanos. Pero, a partir de aquí, os investigadores están divididos. Talvez a auga xurdiu á superficie traída polos volcáns, pero non se deu estancado alí, senón que se perdeu no espazo a medida que ía saíndo. Ou se cadra Venus tiña de entrada máis proporción de deuterio que a Terra. Cómprennos máis datos para confirmar o grande océano de Venus.

Pero hai algo interesante nese posible océano perdido: se existiu, Venus tivo un clima apto para a vida e logo perdeuno ata se converter nese deserto abrasador. Ou sexa, un cambio climático de envergadura global. Sóache…?