Cunca hidrográfica e balance hídrico

Vista dunha parte da conca dun río.
Vista dunha parte da conca dun río.

O ciclo hidrolóxico, como xa vimos, é un modelo global. Os seus elementos son extrapolables a nivel local a través do concepto de balance hídrico dun territorio, que consiste na cuantificación, nun período calquera, en valores de medio a longo prazo, das entradas e saídas a ese territorio mostradas no esquema. Xa que logo, o balance hídrico pódese definir como a relación existente entre a oferta e a demanda meteorolóxicas de auga.

Aínda que o territorio non se ten que circunscribir a cuncas hidrográficas, estas representan un caso particular de territorio moi interesante para o cálculo de balances hídricos. Isto é así porque se trata dun territorio que non recibe, en réxime natural, transferencias superficiais doutros territorios, e as que recibe subterraneamente adoitan ser pouco importantes. Esta independencia hídrica con respecto aos territorios veciños é o que fai que as cuncas hidrográficas sexan moi axeitadas, como unidades territoriais, para a xestión dos recursos.