A tectónica de placas na evolución dos océanos

A tectónica de placas na evolución dos océanos.
Placa quente 60oC.

A causa destes movementos dos continentes e dos fondos dos océanos é que o interior da Terra segue a estar moi quente, o que dá lugar a diferenzas de densidade e, por iso, a correntes que tenden a igualalas. É o mesmo que acontece cando poñemos auga a quentar: antes de que rompa a ferver, fórmanse correntes, que se poden ver ben se poñemos papeliños na superficie.

A gran diferenza é que a parte externa da Terra é ríxida, polo que estes movementos a rompen en pezas, ás que os científicos chamaron placas. De aí o nome da teoría que explica as causas e efectos destes movementos: tectónica de placas (tectónica quere dicir ‘estrutura’).

Pero é interesante que a tectónica de placas se chame tamén ás veces tectónica global; con este nome indícase que o que lle pasa a unha peza afecta tamén as demais, porque todas están relacionadas, igual que o están as pezas dun crebacabezas. Por ese mesmo motivo, á evolución actual do clima chamámoslle quecemento global: as consecuencias nótanse en todo o planeta.

Como é lóxico, estes dous fenómenos globais están relacionados entre eles; deseguida imos ver como a tectónica de placas, ou sexa, os movementos dos continentes e dos fondos oceánicos, pode cambiar o clima de todo o planeta.