Os mares interiores: o caso do mar Morto

Os mares interiores: o caso do mar Morto
O mar Morto, na parte superior desta imaxe de satélite, xunto co trazado proposto para o transvasamento de auga dende o mar Vermello, situado na parte inferior.

Mar ou lago? Malia estar illado no medio dun deserto, a 180 quilómetros do mar máis próximo, a súa auga saturada en sales fala do seu pasado mariño. Pero os países ribeiráns están a esgotar este antigo mar: Israel, Siria e Xordania están bebendo entre elas o río Xordán, que xa só leva ao mar Morto 100 millóns de metros cúbicos ao ano. Parecerían moitos se non se comparasen cos 1.200 millóns de metros cúbicos orixinais, e se non se tivese en conta que se trata de augas de residuos urbanos e agrícolas. Coa diminución do caudal do río e a temperatura media en ascenso, o nivel da auga descendeu 30 metros nos últimos 50 anos. Ademais, tanto Xordania coma Israel teñen instaladas nas ribeiras salinas comerciais dotadas dunhas piscinas de evaporación que son responsables de ata un 30 % do descenso do nivel da auga.

Os mares interiores: o caso do mar Morto
O declive do nivel da auga do mar Morto entre 1900 e o 2010.

O retroceso da liña costeira deixou ao descuberto sedimentos tan cheos de sales que ningunha planta pode crecer neles. Desaparecerá o mar Morto? Non, porque a medida que avanza a evaporación, a auga, que se fai máis salina, evapórase máis amodo. Inda que se calcula que o seu nivel, agora a 425 metros por debaixo do do mar, podería descender outros 150 metros neste século.

Existe un proxecto de enxeñería para restablecer o antigo nivel. Un túnel ou un acueduto levarían auga do mar Vermello ata o mar Morto. No traxecto construiríanse unha planta desalinizadora e unha central hidroeléctrica.

Os mares interiores: o caso do mar Morto
Esquema do proxecto dun acueduto (en vermello) ou un túnel (amarelo) para levar auga do mar Vermello ao mar Morto.

Grupos ecoloxistas dos tres países implicados están a facer presión para que, no canto de construír o conduto ata o mar Vermello, Xordania e Israel economicen auga en usos urbanos e en agricultura. Calculan que, con iso, o curso do río Xordán podería recuperar entre 400 e 600 millóns de metros cúbicos ao ano.